Quen non solicite na primeira revisión periódica en ITV despois do 23 Outubro as anotacións necesarias na ficha técnica do camión e semirremolque para subir a tonelaxe a 44 Ton, logo só poderá facelo con informe do fabricante

En consecuencia, recoméndase:
- a quen pasou a ITV despois de 23 outubro, que contacte co noso equipo técnico para verificar que se lle fixeron correctamente as anotacións para poder cargar ata 44 Ton;
- e a quen teña previsto pasala nos vindeiros días, seguir as indicacións que se indican máis abaixo ou contactar co noso equipo técnico en caso de dúbidas.
VIEIROS ten pedida reunión urxente cos responsables de Supervisión y Control S.A. para solicitar unha interpretación máis flexible desta norma e esclarecer máis dúbidas sobre a nova normativa de pesos. Así mesmo, a través de FENADISMER, solicitarase ás administracións competentes unha rectificación cunha interpretación máis flexible.
As ITV están a facer unha interpretación moi estrita da Orde PJC/780/2025, de 21 de xullo, que modificou o Rgto. Xeral de Vehículos para permitir desde o pasado 23 de outubro subir a tonelaxe en conxuntos de 5 ou máis eixos, de xeito que aquel transportista que, na primeira revisiòn periódica en ITV tras a 23 de outubro, non faga correctamente as anotacións necesarias na ficha técnica da tractora ou do semirremolque, con posterioridade só poderá modificar a ficha técnica para ampliar en ITV a capacidade de carga achegando informe técnico do fabricante dese elemento, conforme o Manual de Reformas de Vehículos.
Esta interpretación xa se está a facer, non só pola concesionaria das ITV en Galicia Supervisión y Control S.A., senón tamén nas estacións ITV do resto do estado, a raíz dos acordos adoptados na reunión celebrada en setembro deste ano do Grupo de Traballo da Conferencia Sectorial de Industria sobre aspectos de ITV. No documento de acordos extraído desa reunión ao que tivo acceso VIEIROS, entre outras cuestións figura unha interpretación moi estrita da Disposición Transitoria da referida Orde PJC/780/2025, de 21 de xullo, de xeito que só se admitirá a anotación por dilixencia nas fichas técnicas de cabezas tractoras e semirremolques na primeira revisión técnica logo do 23 de outubro. Quen non o faga nese momento, en revisións sucesivas será de aplicación o establecido no Real Decreto 866/2010, de 2 de xulio, polo que se regula a tramitación das reformas de vehículos e o Manual de Reforma de Vehículos en ITV do Ministerio de Industria, o que supón achegar á ITV informe técnico do fabricante dese vehículo.
Nesta situación, VIEIROS xa solicitou reunión urxente cos responsables de Supervisión y Control S.A., concesionaria en Galicia das ITV, co obxecto de solicitar unha interpretación máis flexible desta norma, así como tamén esclarecer diversas dúbidas que aínda deixa a nova normativa de pesos, e así mesmo, a través de FENADISMER, procederase a solicitar ás administracións competentes unha rectificación cunha interpretación máis flexible.
.
Anotacións que se deberán facer na 1ª revisión periódica en ITV após 23 Outubro
A) CABEZA TRACTORA
- “Variación de MMAC en eixo motor a 44.000 kg”
- “Variación de MMA en eixo motor a 12.000 kg” (recomendable)
Nota: Para poder facer estas anotacións na ficha técnica da tractora, deberase cumprir que:
- Deberá ter necesariamente unha capacidade de arrastre mínima garantida polo fabricante de 44 Ton, para o cal a masa máxima remolcable (MMR) ou tecnicamente admisible do conxunto (MMTA) deberá ter cando menos o valor de 44 Ton. Isto verifícase facilmente na ficha técnica desa tractora, concretamente no recadro F.3 se se trata dunha ficha técnica no novo formato e MMR se pola contra é unha ficha técnica de formato antigo.
- Non sendo condición indispensible, si é recomendable poder subir a MMA do eixo motor ata as 12 Ton (na ficha técnica de novo formato este valor correspóndese co recadro da F.1.1).
B) SEMIRREMOLQUE
- “Variación de MMA en eixo tándem triaxial de remolques ou semirremolques a 27.000kg”
- “Variación de MMA en semirremolque a (*) kg”
(*) = Valor recadro F.1 da ficha do semirremolque.
Nota: Para poder facer estas anotacións na ficha técnica do semirremolque, deberase cumprir que:
- Necesariamente a MMTA por cada eixo do tridem deberá ser de mínimo 9.000 kg (recadro F.1.1 da ficha técnica de novo formato), para así se poida chegar ás 27 Ton.
- Ademais, a separación entre eixos motrices deberá ser superior a 1,3 metros e inferior a 1,4 metros (compróbese no recadro M1 da ficha do semirremolque).
C) VEHÍCULOS RÍXIDOS A MOTOR
- “Variación de MMA en eixo tándem de vehículos a motor a 12.000 kg” (recomendable)
Nota: Nos camións ríxidos amén é recomendable subir a MMA do eixo tándem ata as 12 Ton, sempre que a ficha técnica dese vehículo o permita, para o cal a MMTA dese eixo tándem deberá ser de alomenos 12.000 kg e a separación entre os dous eixos do tándem inferior a 1 metro.




