As asociacións galegas de transportistas VIEIROS e AETRAM denuncian ante o Delegado do Goberno de Castilla y León a falta de seguridade que están a padecer os transportistas que circulan pola autovía A-6 e a paralela N-VI ao seu paso por esta Comunidade e esixen medidas inmediatas e eficaces para atallar o problema

- Ambas organizacións advirten da falta de áreas de parada ou descanso minimamente seguras para camións nestte treito da A-6 e solicitan ás autoridades medidas urxentes para reverter a situación, que pasan non só por mellorar os controis e a vixilancia, senón tamén incrementar a súa eficacia e mesmo desenvolver actuacións innovadoras.
Durante estes últimos meses estivéronse producindo de forma crecente e persistente incidentes de todo tipo derivadas da falta de seguridade á que se enfrontan os profesionais do transporte de mercadorías por estrada ao seu paso pola autovía A-6, que atravesa Castilla y León (CyL), e a estrada paralela N-VI. En concreto, recibimos queixas de transportistas galegos que viaxan con asiduidade por esta ruta por cortes de lonas, roubos de gasóleo e mesmo de mercadorías, en localidades de distintas provincias desta Comunidade Autónoma como Labajos, Mota del Marqués, Urueña, Benavente e Astorga, entre outras. Naturalmente, nos casos máis graves de roubo de mercadorías, os transportistas afectados presentaron as denuncias correspondentes.
Como é ben sabido, a autovía A-6 concentra un volume de tráfico de camións moi elevado, especialmente de transportistas galegos, xa que soporta o fluxo de mercadorías que se moven en ambos os sentidos entre grande parte da Península Ibérica e o noroeste (Galicia e Asturias). Non obstante, lamentablemente, todo o treito da A-6 e a N-VI ao seu paso por CyL adoece de zonas de descanso ou parada minimamente seguras para vehículos pesados, e a falta de seguridade para os nosos transportistas é notoria, especialmente nos puntos mencionados anteriormente e tamén en moitos outros onde os camións se concentran para descansar, pasar a noite ou comer.
Cada vez son máis os transportistas que manifestan a súa indefensión e abandono polas forzas de seguridade, ata o punto de sentirse inseguros e mesmo asustados en determinadas zonas. Polo tanto, desde VIEIROS e AETRAM consideramos necesario aumentar as medidas de control e vixilancia coa presenza física de axentes de seguridade en todos estes «puntos negros» con altas concentracións de camións. Así mesmo, tamén cremos necesario implementar medidas novas, innovadoras, que poidan ser eficaces tanto para disuadir a potenciais individuos ou grupos de levar a cabo estas accións como, por suposto, para abortar eficazmente estes incidentes.
Por conseguinte, ambas organizacións vimos de solicitar formalmente por escrito á Delegación do Goberno de CyL a adoptación de medidas urxentes para, sen mais demora, reverter esta situación, xa que nos últimos meses temos pasado de incidentes «esporádicos» a «persistentes», sendo desde logo conscientes que a seguridade dos nosos camións na estrada non é un asunto trivial que se poida resolver facilmente da noite para a mañá.




