O Ministerio de Industria rectifica e fixa todo o ano 2026 como prazo para homologar vehículos cos novos pesos con simple anotación en ficha técnica sen necesidade de certificado do fabricante
- Industria atende a demanda unánime das organizacións de transportistas e permitirá homologar vehículos para as 44 Ton cunha simple dilixencia na ficha técnica todo o ano 2026, inclusive aqueles que xa pasaron pola ITV tras o 23 de outubro e non actualizaron conforme a nova normativa a capacidade de carga.

En todo o proceso vivido nestes meses pasados de adaptación dos vehículos (tractoras, remolques e semirremolques) aos novos límites de peso permitidos que entraron en vigor o 23 de outubro de 2025, conforme a Orde Ministerial aprobada o pasado mes de xullo, as empresas transportistas bateron con numerosas complicacións e atrancos imprevistos ao realizaren dita homologación nas estacións ITV, que estiveron ata agora aplicando ao noso entender uns criterios restritivos absolutamente inxustificados, como por exemplo que tal homologación só podía facerse na primeira revisión ITV que por data lle correspondía a cada vehículo.
Desde xeito, quen esquecía solicitar na primeira ITV que por datas lle correspondía pasar a un vehículo tras o 23 de outubro o cambio das tonelaxes, ese vehículo xa non podía ser homologado para os novos pesos polo método simplificado (simple dilixencia na fixa técnica), tendo entón necesariamente facer reforma e en consecuencia solicitar certificado do fabricante para facer a adaptación ás novas tonelaxes.
Froito de termos denunciado ante distintas administracións competentes esta situación absurda e inadmisible e posta en coñecemento directamente do Ministerio de Industria nunha reunión celebrada en persoa o pasado mes de decembro, este Ministerio comprometeuse a artellar unha solución para facilitar dito proceso de homologación ante as estacións ITV, e onte o BOE publicou a Resolución de 27 de xaneiro de 2026, pola que se aproba a revisión do Manual de Reformas de Vehículos (revisión 7, corrección 2), con entrada en vigor hoxe 6 de febreiro.
Nesta Resolución incorporouse na reforma 11.2 (Variación de Masas Máximas Autorizadas) un parágrafo en información adicional (en azul) para prorrogar o prazo da disposición transitoria da citada nova Orde Ministerial de masas e dimensións, que tal e como se dicía limitaba a súa aplicación á primeira inspección periódica logo da entrada en vigor da Orde o 23 de outubro. Desta forma, desde hoxe pódense tramitar homologacións por simple dilixencia ata xaneiro de 2027, inclusive en posteriores inspeccións periódicas, polo que non fará falta facer reforma.
Pódese acceder ao contido do Manual de Reformas na web de Industria na seguinte ligazón:




