Un sistema fiscal xusto para os autónomos, a súa xubilación anticipada, a incorporación de novos profesionais, a sostenibilidade e a renovación das frotas, a adaptación aos novos pesos e dimensións, a rentabilidade dos servizos e a dixitalización das cartas de porte, retos inmediatos do sector do transporte

- Así se manifestou o novo Presidente de Fenadismer, Carlos Folchi, na súa primeira visita a Galicia logo de asumir o seu cargo en setembro do ano pasado, quen ademais manifestou que todas estas cuestións gozan dun amplo consenso do conxunto do sector.
O sábado 12 de xaneiro, organizado por Vieiros, celebrouse en Compostela un encontro do novo Presidente de Fenadismer, Carlos Folchi, cos transportistas galegos, que tiña por obxecto poñer enriba da mesa e analizar os retos e desafíos inmediatos do sector do transporte de mercadorías por estrada. O acto, presentado pola Presidenta de Vieiros, Silvia Chaves, e que contou tamén coa participación do Secretario Xeral de Fenadismer, Juan José Gil, tivo unha importante presenza de transportistas galegos.
Abriu a xornada Silvia Chaves quen, ademais de agradecer a presenza en Galicia dos dous máis destacados líderes de Fenadismer, fixo un relatorio dos logros de Vieiros en só ano e medio de vida da asociación, que se sustancian basicamente en tres planos. En primeiro lugar, deuse resposta ás novidades ás que se tivo que enfrontar o sector, fundamentalmente nos últimos meses a implantación das 44 toneladas. En segundo, termos presenza nos conflitos acontecidos para dar soporte aos transportistas afectados, como recentemente foi o caso de Ence. E por último, levar adiante en menos dun ano unha forte campaña de expansión que nos permitiu entrar a formar parte de Comité Galego de Transportes cunha destacada representación, grazas aos case 300 asociados cos que conta Vieiros en ano e medio de vida, e entrar a formar parte do Comité Executivo de Fenadismer.
Os desafíos que temos por diante
O novo Presidente de Fenadismer comezou a súa exposición para falar da carga fiscal que soportan os transportistas autónomos e neste sentido manifestar que esta federación leva varios anos traballando para conseguir unha harmonización fiscal do sector e un sistema de tributación máis xusto e razoable, que dote de garantías, seguridade xurídica e estabilidade aos profesionais, semellante ao implantado en Euskadi. Tristemente, a falta de estabilidade e de maiorías claras no Congreso ten impedido que este obxectivo se teña conseguido xa.
Polo que respecta á xubilación anticipada dos nosos profesionais, Carlos Folchi desvelou que é Fenadismer quen leva a iniciativa no proceso de aprobación duns coeficientes redutores para o colectivo dos autónomos, que ten legalmente un camiño diferente aos dos condutores asalariados. O proceso está en marcha e agora corresponde ao Ministerio realizar un estudo que cuantifique o grao de penosidade, desgaste físico e sinistralidade que xustifique a inclusión da condución profesional no sistema de coeficientes redutores. Neste sentido, deixou claro que para Fenadismer esta medida debe desenvolverse sen máis demora, xa que non se trata dun privilexio, senón dunha medida de sentido común para un sector que asume a diario riscos moi por riba da media e que merece unha xubilación digna e adaptada á realidade do seu traballo.
Ademais, de acabarse implantando, pode tamén favorecer a incorporación de máis profesionais ao sector, que é outro dos grandes retos que temos por diante. O relevo xeracional pasa por conseguir unha profesión máis atractiva, especialmente tamén para a mocidade e para as mulleres, e ese atractivo vai máis alá de unicamente os salarios.
Outro desafío non menor para o sector é poder facer compatible o proceso de descarbonización que se nos presenta desde as institucións europeas e e realidade do transporte de mercadorías por estrada. En opinión de Fenadismer, o sector non se pode opor a acometer unha transición cara combustibles alternativos ao petróleo nos vehículos de transporte, pero esta transición debe proporcionada e realista, basada na neutralidade tecnolóxica e que teña en conta as necesidades das pequenas e medianas empresas de transporte.
Por tanto, subvencionar hoxe para o transporte de mercadorías por estrada exclusivamente o vehículo eléctrico é un sensentido, vai ao contrario de dito anteriormente e en nungún caso axuda a rebaixar a idade media das frotas, que por certo se ten incrementado neste lustro pos-Covid, entre outras razóns polo incremento medio do 30% no prezo do vehículo novo. Neste sentido, tanto Vieiros como Fenadismer temos trasladado ao Ministerio de Transportes a necesidade de reeditar as axudas ao achatarramento, medida que si consideramos útil e efectiva no momento actual para renovar as frotas e en consecuencia avanzar na sustentabilidade do sector ao retirar de circulación vehículos vellos máis contaminantes.
No que atinxe ao incremento dos pesos que entrou en vigor o pasado mes de outubro, o Presidente de Fenadismer fixo unha referencia especial ao papel desempeñado por Vieiros en todo o proceso vivido estes meses de implantación da nova normativa, tanto na parte técnica propondo medidas concretas para favorecer a adaptación a estas novas normas das pequenas empresas e autónomos, como tamén no plano de facilitar ao sector ferramentas para axudar a determinar os sobrecustos derivados de cargar 4 toneladas máis e por conseguinte dotar ao sector de información e fundamentación necesaria para poder repercutir ditos sobrecustos nas tarifas que aplican aos seus clientes. Sen dúbida, o noso papel e as nosas achegas foron claves para que o Observatorio de Custos chegase a estimar nun 6% o incremento medio de custos para un vehículo articulado de 5 eixos que carga ata 44 toneladas.
Por último, o Secretario Xeral de Fenadismer, Juan José Gil, explicou que o proceso de dixitalización do sector vivirá de xeito inmediato un novo episodio máis, para o cal as pemes e autónomos deben prepararse: o documento electrónico do transporte (carta de porte electrónica e CMR electrónico). En Europa camíñase cara a obrigatoriedade do e-CMR para 2028-29, pero en España xa a partir de outubro do presente ano 2026 comezarase a esixir o documento de control dixital, como transición a en finais de 2027 xa esixilo en formato totalmente electrónico.




