Vieiros apoia a suspensión temporal dos servizos de transporte de madeira ás fabricas de ENCE en Pontevedra e Navia acordada polos transportistas que traballan para esta empresa e esixe a apertura inmediata dunha mesa de negociación

.
- Aproveitando a entrada en vigor o 23 de outubro dos novos límites de tonelaxe para os vehículos pesados dedicados os transporte de madeira en rolo de monte a fábrica, ENCE pretende impor de modo abusivo e unilateral unha drástica redución das tarifas para eses servizos de transporte.
- Neste contexto, os transportistas galegos e asturianos que traballan para esta empresa acordaron en asemblea unitaria suspender temporalmente desde o venres 24 de outubro ás 14:00 horas a prestación de servizos de transporte ás fábricas de Pontevedra e Navia, en tanto en canto esta empresa non teña a ben sentar a negociar e acordar con eles unhas novas tarifas acordes co incremento dos custos derivados da carga adicional que os vehículos van soportar.
- VIEIROS apoia os acordos adoptados por este grupo de transportistas e insta a ENCE a unha apertura inmediata dunha mesa de negociación que poida xestar un acordo beneficioso para todas as partes.
O xoves 23 de outubro entraron en vigor as novas máximas autorizadas no sector do transporte derivadas da modificación do Regulamento Xeral de Vehículos, e que no caso concreto do transporte de madeira “en rolo” do monte á industria forestal supoñen un incremento da capacidade de carga de mínimo 4 toneladas, pero que en función das características técnicas do conxunto de vehículos pode chegar ata un incremento de 12 toneladas de carga útil en conxuntos de 5 eixos e en 17 toneladas en conxuntos de 6 eixos.
Aproveitando este cambio lexislativo, a dirección da empresa referente da industria forestal produtora de papel no noroeste peninsular, ENCE Energía y Celulosa, S.A. (en adiante, ENCE), pretende impor de modo unilateral e abusivo unha dráctica redución das tarifas polos servizos de transporte de abastecemento de madeira do monte ás súas fábricas de Pontevedra e Navia aos transportistas galegos e asturianos que lle veñen prestando estes servizos. Neste sentido, débese saber que a empresa citou hai moi poucos días a varios transportistas de cada unha das fábricas a unha reunión para comunicarlles (en ningún caso negociar nin consensuar) a súa nova táboa tarifaria, pero outros moitos enteráronse da pretensión do cambio de condicións da fábrica a través dun simple correo electrónico no que se comunicaba a nova táboa tarifaria que unilateralmente trata de impor, o mesmo día 23 en que entraba en vigor a nova normativa de pesos.
Non se pode calificar doutra forma distinta que de brusca a baixada que se pretende impor, que en función das rutas e recorridos oscila entre un mínimo dun 5% e un máximo dun 11%.
Por tanto, a fábrica pretende absorber para si todo o beneficio derivado do incremento da capacidade de carga dos vehículos e que sexan os transportistan quen soporten en exclusiva, na súa conta de explotación, todos os custos adicionais que lles supón cargar os seus vehiculos cunha maior tonelaxe (entre 4 e 12 Ton os vehículos de 5 eixos e entre 4 e 17 Ton os de 6 eixos), que entre combustible, urea, pneumáticos, talleres, redución da vida útil do vehículo, seguros e persoal asalariado superan cando menos o 10% do total.
Se cadra a fábrica non é consciente de que o transporte por estrada non é, por desgraza, unha actividade económica o suficientemente rentable como para que as pemes e os autónomos que o compoñen poidan acometer os investimentos necesarios para renovar os seus equipos de transporte como deberan, non só por razóns de competitividade e produtividade, senón tamén en aras de desenvolver a súa actividade dun modo medioambientalmente máis eficiente en consonancia cos retos de sustentabilidade e descarbonización fixados pola Unión Europea no horizonte do 2030. É evidente que as políticas desta empresa non van neste sentido, senón no que arruinar aos seus transportistas e condealos a cargar máis tonelaxe sobre uns equipos cada vez máis vellos e obsoletos, ao adoecer de capacidade económica para renovalos adecuadamente conforme as novas esixencias de capacidade de carga con equipos máis eficientes e menos contaminantes.
Os transportistas acordan suspensión temporal dos servizos e fixan as súas esixencias
O mesmo día 23 de outubro celebrouse unha asemblea dos transportistas galegos e asturianos afectados pola situación no concello asturiano de El Franco e de forma moi maioritaria adoptouse o seguinte acordo: “Ante a imposición unilateral exercida por ENCE sen ter aberto un proceso de negociación previo, a asemblea de transportistas acorda suspender os servizos de transporte de madeira ás factorías de Navia e Pontevedra a partir do venres 24 de outubro de 2025 ás 14:00 horas, ata que se atendan as demandas aquí expostas e se inicie unha negociación efectiva e de boa fe”.
Así, as demandas acordadas pola asemblea de transportistas son as seguintes:
- Restauración dos prezos vixentes a 22/10/2025, como referencia para todos os servizos de transporte.
- Aplicación de ditos prezos á nova tonelaxe permitida (44 Ton), de modo que as toneladas adicionais que agora poden transportarse se retribúan ao prezo por tonelada vixente a 22/10/2025.
- En traxectos superiores a 200 km, aplicación inmediata dunha actualización adicional de 4% sobre os prezos de 22/10/2025, en recoñecemento da desactualización e sobrecustos reais.
- Actualización de IPCs acumulados desde 2021, con revisión anual automática.
- Inclusión nos custos do transporte do consumo de AdBlue.
- Actualización do prezo do transporte de madeira de piñeiro propiedade de ENCE destinada a terceiros clientes, equiparándoo ao resto de servizos, e eliminando os retrasos no pagamento existentes.
- Actualización do precio da grúa autocargante a 2,5 €/Ton cargada, considerando o incremento do custo actual de adquisición e mantemento deste equipo, os maiores custos laborais e o plus de perigosidade.
- Para a madeira residual cargada en parques, establecemento dun mínimo esixible de 26 Ton por servizo.
- Corrección inmediata das incongruencias detectadas entre a lonxitude das rutas marcadas por GPS e as distancias calculadas por ENCE, adaptando a liquidación dos servizos aos quilómetros reais recorridos.
VIEIROS apoia a decisión de suspender temporalmente a actividade e esixe negociacións
VIEIROS Unidade Galega de Transportistas, asociación que na actualidade agrupa a unhas 300 pemes e autónomos galegos do sector, quere manifestar publicamente o seguinte:
- Mostrar o noso apoio decidido ao exercicio de dignidade dos transportistas galegos e asturianos afectados por esta actuación abusiva de ENCE que acordaron o cesamento ou suspensión temporal dos seus servizos para as fábricas desta empresa en Pontevedra e Navia, poñendo a disposición dos transportistas afectados os medios técnicos e humanos da asociación.
- Suscribir integramente a táboa reivindicativa aprobada por estes asembleariamente e esixir á empresa a constitución inmediata dunha mesa de negociación con eles.
- Por último, facer un chamamento de solidaridade ao resto do sector do transporte por estrada para apoiar activamente as xustas demandas e reivindicacións dos transportistas galegos e asturianos afectados, así como das posibles mobilizacións que de inmediato poidan decidir desenvolver.




