A negociación con ENCE péchase en falso cun acordo non satisfactorio para os transportistas da madeira, que din sentirse enganados
- Ence só manterá a tarifa anterior a 23 de outubro ata as 42 Ton.
- A partir desa tonelaxe invéntase un extra do 2% por tonelada adicional sobre o total do porte.
.
Tras dúas semanas de suspensión da actividade e de negociación cos representantes de ENCE Energía y Celulosa, S.A. (en adiante, ENCE), onte xoves día 6 de novembro, nunha nova Asemblea celebrada en Vilalba dos transportistas da madeira en rolo que veñen prestando os seus servizos ás fábricas de Pontevedra e Navia, galegos e asturianos, pecháronse as negociacións coa pasteira cun sabor certamente agridoce en tanto en canto os resultados obtidos só cumpren parcialmente coas espectativas xeradas entre os transportistas.
Logo de que ENCE, presuntamente, xa recuara na súa pretensión inicial de pagar a partir de 23 de outubro por cada servizo con 4 ou 7 toneladas máis de madeira (para un masa máxima total en carga entre 44 e 47 Ton) a mesma tarifa total que se pagaba ata esa data por un porte cunha masa máxima total en carga de 40 Ton, obviando o importante incremento nos custos de explotación na conta de resultados de cada transporte derivado do carburante, talleres, pneumáticos, vida útil dos vehículos, maiores tempos de traballo na carga e descarga co guindastre autocargante do camión, etc., finalmente o acordo “en falso” ao que se chegou foi de que:
- Só se mantén o prezo por tonelada anterior ata as 42 Ton, é dicir, só se abonan 2 Ton máis a ese prezo.
- A partir da terceira tonelada sobre as 40 Ton vén o invento que se saca da manga Ence, xa que por cada tonelada sobre as 42 Ton só abonará un extra dun 2% sobre a tarifa total do porte coas 42 Ton, o que vén a supor que as toneladas que excedan de 42 Ton serán abonadas a un prezo/Ton que escasamente alcanza o 50% do prezo/Ton das primeiras 42 Ton.
En conclusión, só se restauran de facto as tarifas anteriores ata as 42 Ton, xa que a partir de aí o que percibe o transportista é aproxidamente a metade do que lle correspondería respectando o prezo/Ton anterior a 23 de outubro, cando paradoxalmente é precisamente no treito entre 44 e 47 Ton de carga total do conxunto cando se disparan exponencialmente os custos aos transportistas.
Consultado con varios transportistas galegos da madeira que prestan os seus servizos a Ence, todos coinciden en calificar o acordo coa empresa presentado no día de onte na Asemblea de transportistas en Vilalva como totalmente insatisfactorio e ademais manifestan sentirse enganados xa que ata o último momento na mesma Asemblea de onte non eran coñecedores da viraxe substancial das negociacións ao introducirse o non menor matiz do 2% a partir das 42 Ton, que ademais non foi explicado con suficente claridade na Asemblea. Por conseguinte, entenden que as negociacións pecháronse “en falso” e non descartan que no curto prazo as mobilizacións poidan ser reactivadas.




