A xustiza condena a Cepsa a abonar 14 M € aos transportistas afectados polo cártel das petroleiras que participaron na demanda colectiva interposta por Fenadismer contra esta compañía

- Esta é a segunda sentenza favorable que gaña Fenadismer contra unha petroleira, logo da condena a BP o ano pasado, o que fai pensar que a demanda interposta contra RESPOL, aínda sen resolver, tamén poida ir no mesmo sentido.
- A sentenza contra CEPSA admite recurso de apelación, ao que previsiblemente se acollerá, como xa fixo BP no seu caso.
Este pasado 18 de febreiro o Xulgado do Mercantil nº 2 de Madrid, que levaba a reclamación promovida pola nosa federación FENADISMER contra CEPSA pola súa participación no coñecido cártel de petroleiras, fixo pública a súa sentenza na que se condena a esta compañía petrolífera a abonar ata un importe total de 14 millóns de euros en concepto de danos e prexuízos aos transportistas reclamantes que no seu día tomaron parte desa demanda colectiva, cantidade á que hai que sumarlle os xuros de demora.
Esta é a segunda sentenza favorable que consegue FENADISMER contra unha petroleira por ter participado na concertación ilegal de prezos do carburnate entre os anos 2006 a 2021 logo da gañada xa en febreiro de 2025 contra a campañía BP, cuxo importe nese caso ascendía a 3 millóns de euros.
Ademais de acreditar o Xulgado a participación de CEPSA na concertación ilegal de prezos, admite integramente o informe pericial de danos que se acompañaba á demanda, elaborado a partir dos milleiros de facturas achegadas polos transportistas reclamantes.
Que escenario se abre agora?
Esta sentenza contra CEPSA admite recurso de apelación, ao que previsiblemente se acollerá tal como fixo xa BP no seu caso. Por tanto, haberá que agardar a ver se finalmente CEPSA confirma a presentación de dito recurso apelatorio.
Como é evidente, o resultado de dita sentenza contra CEPSA é moi positivo, do mesmo xeito que no caso de BP o ano pasado, primeiro por recoñecer que durante estes anos tivo lugar unha alteración no prezo final dos carburantes, e segundo porque ademais será tida en conta para as sentenzas que, previsiblemente, nas próximas semanas se teñan que ditar contra REPSOL no procedemento xudicial que se está a levar contra esta, tamén nos Xulgados de Madrid, cuxo importe de reclamación é moito maior que no caso de CEPSA.




