Vieiros súmase á petición unánime de cesamento do Director da DGT logo da nefasta xestión do tráfico pesado durante o paso da borrasca Ingrid

- A Dirección Xeral de Tráfico fixo oídos xordos ás demandas do sector de levantar as restricións establecidas de forma totalmente precipitada e desproporcionada, que de modo absurdo supuxeron paralizar o tráfico pesado o día 23 e parte do 24, ata o punto de reter sen razón algunha durante practicamente 36 horas a centos de camións galegos en áreas de servizo e descanso castelán-leonesas, a poucos quilómetros da casa.
- O vivido estes días pasados demostra ás claras que a DGT adoece de protocolos e plans de continxencias para garantir a mobilidade dos vehículos pesados en condicións invernais.
A Dirección Xeral de Tráfico errou ao establecer precipitadamente o xoves día 22 unhas restricións tan desproporcionadas a partir das 0:00 horas do venres 23 nun grande número de treitos de estradas (moitas delas en Galicia), medida segundo eles adoptada en consonancia coas predicións de neve anunciadas pola Axencia Española de Metereoloxía (AEMET).
VIEIROS considera que este tipo de decisións “preventivas”, adoptadas sen o rigor necesario en consonancia coa situación real da rede viaria, xeran un grave prexuízo ao transporte de mercadorías e aos seus profesionais, que ven paralizada a súa actividade sen que concorra unha causa de forza maior que o xustifique. É inxustificable aplicar medidas extremas de bloqueo como as adoptadas por DGT o día 23 coas restricións impostas, penalizando inxustamente a un sector esencial para o funcionamento da economía e o abastecemento da poboación, cando durante todo ese dia 23 a meirante parte das vías restrinxidas estaban nunhas condicións perfectamente razoables para circular os camións con normalidade, ata o punto de que algunhas delas estaban completamente limpas de neve. Este foi o caso das principais vias de conexión de Galicia coa Meseta, xa que tanto a A-6 como a A-52 estiveron boa parte do día 23 limpas de neve e durante practicamente todo o dia nunhas condicións razoables para o tránsito de camións.
Pero a DGT non só errou en precipitadamente establecer unhas restricións desproporcionadas, senón tamén en persistir no erro e non rectificar e levantar xa na mañá do dia 23 as restricións impostas, tal como se lle estaba a demandar unanimemente por moitas organizacións de transportistas xa desde as primeiras horas do dia 23 (entre elas desde logo tamén VIEIROS), cando ademais era evidente que se podía circular e non reter sen xustificación durante tantas horas a milleiros de condutores (moitos galegos) en áreas de servizo e descanso, moitos deles aillados sen acceso a comida e bebida.
VIEIROS quere deixar claro que é o propio sector o principai interesado en garantir a seguridade viaria dos nosos profesionais, pero establecer restricións a circulación de xeito desproporcionado en base a predicións climatolóxicas non é a solución, senón que se debe actuar sempre, en cada momento, sobre o terreo cuns protocolos e plans de continxencia definidos polas autoridades de Tráfico para garantir a circulación en condicións invernais, activando os medios humanos e materiais necesarios, máquinas quitaneves, sal, etc.
A nefasta xestión estes días pasados demostra tamén ás claras que a DGT adoece de protocolos definidos e plans de continxencia claros para garantir a mobilidade dos vehículos pesados en condicións invernais, demostra tamén que non son quen de rectificar a tempo as decisións erradas, e por tanto os responsables de DGT deben asumir por todo o exposto as responsabilidades que lles corresponden. Por conseguinte, VIEIROS apoia a decisión adoptada por unanimidade polo Comité Nacional de Transporte de solicitar do Ministro do Interior o cesamento inmediato do Director Xeral de Tráfico.




