A Comisión Europea dá por fin luz verde á axuda dos 20 cts/litro en compensación aos efectos do conflito en Irán, pero a topa a un máximo de 50.000 € por empresa

.
- En consecuencia, as empresas só percibirán a axuda dos 20 cts nos primeiros 250.000 litros que reposten coa súa frota entre 22 de marzo e 30 de xuño, o que na práctica prexudica gravemente ás empresas a partir de aproximadamente 20 vehículos.
- Tras a aprobación onte mércores 29 de abril pola Comisión Europea do Marco Temporal de Axudas Estatais para a Crise de Oriente Medio, o Ministerio de Hacienda xa non ten escusas para demorar máis o pagamento dos 20 cts/litro.
A Comisión Europea aprobou finalmente o mércores 29 de abril o Marco Temporal de Axudas Estatais para a Crise de Oriente Medio, requisito legal esencial que o Goberno español agardaba para desbloquear o pagamento da subvención ao combustible de 20 céntimos por litro aprobada o pasado marzo mediante o Real Decreto-Lei 7/2026, en resposta á crise dos carburantes derivada do conflito bénico en Irán. En consecuencia, xa non ten escusa agora o Goberno español para abonar o antes posible a bonificación dos 20 cts/litro das repostaxes efectuadas entre 22 e 31 de marzo que se deberían ter percibido xa conxuntamente coa devolución do gasóleo profesional dos primeiros 21 días do pasado mes de marzo.
Non obstante, as condicións impostas por este Marco Temporal europeo restrinxirán a axuda ás empresas máis grandes, xa que a normativa aprobada estipula que o importe nominal total das axudas concedidas verbo deste Marco Temporal non pode superar os 50.000 € por empresa.
Na práctica, isto significa que as empresas de transporte con frotas que superen os 20 camións (aproximadamente) non poderán recibir a bonificación completa de 20 céntimos prometida polo Goberno español, xa que para un consumo medio de aprox. 4.000 litros/mes por vehículo superarán o límite máximo permitido por Bruxelas, que se alcanzará cando se consuman de modo acumulado entre todos os vehículos da frota da empresa 250.000 litros nas repostaxes efectuadas entre o 22 de marzo e o 30 de xuño deste ano.




