A Xunta de Galicia destina 560.000 € para desenvolver en Galicia áreas de estacionamento seguras e protexidas para vehículos pesados para o período 2026-27

O Diario Oficial de Galicia de 29 de decembro publicou unha nova convocatoria de axudas para a creación de áreas de estacionamento seguras e protexidas (AESP) para vehículos de transporte de mercadorías en Galicia, á que se prevé destinar inicialmente 560.000 euros para o período 2026-2027, co obxectivo facilitar ás empresas transportistas o acceso en Galicia a aparcadoiros con certificación de seguridade conforme os requisitos establecidos nos regulamentos europeos, nos que as persoas condutoras poidan descansar con seguridade e dispoñer tanto de instalacións axeitadas como dos servizos precisos.
Para optar á axuda, os espazos deben cumprir os seguintes requisitos:
- estar situados a non máis de 10 quilómetros dunha autovía, autoestrada ou estrada nacional/autonómica da rede estruturante ou complementaria;
- dispor dun peche perimetral mínimo de 1,80 metros de altura;
- cumprir coas dimensións mínimas das prazas (3,30 metros de ancho e 16,50 de longo)
- reservar polo menos un 20% das prazas para rotación (duración máxima de 24 horas;
- e ademais de obter, como mínimo, a certificación de nivel bronce conforme ao Regulamento (UE) 2022/2012 que recolle as normas que detallan o nivel de servizo e a seguridade das AESP, así como os procedementos para a súa certificación.
Poderán ser obxecto de subvención os gastos necesarios para desenvolver as AESP, en concreto:
- contratación externa da redacción do proxecto de execución;
- contratación externa das obras do proxecto de execución;
- construción das parcelas, das entradas e saídas;
- instalación de cámaras de seguridade, deseño dos sistemas de iluminación, instalación do peche, instalacións dos sistemas de conexións eléctricas, etc.;
- custo da certificación de acordo co Regulamento (UE) 2022/1012).
Subvencionaranse ata un máximo de 60 prazas con 2.000 € por praza, contía que pode incrementarse en 5.000 € no caso de obter unha certificación prata e en 10.000 € no caso de obter unha certificación ouro ou platino. Tamén se sumarán 2.000 € no caso de dispor de polo menos 2 conexións para vehículos refrixerados.
Prazo tramitación solicitudes
As empresas interesadas teñen de prazo ata 29 de xaneiro de 2026 presentar as súas solicitudes.




