Ábrese o prazo para a solicitude das axudas en 2026 a transportistas autónom@s de idade avanzada ou invalidez permanente que abandonen a actividade
- O Goberno dispón novamente para este ano de 9,75 M € para estas axudas.
- A axuda poderá solicitarse ata o 13 de abril de 2026.

.
No BOE de 12 de marzo de 2026 publicouse o extracto da Resolución do Ministerio de Transportes pola que se convocan as axudas a transportistas autónomos por estrada de maior idade ou en situación de incapacidade que cesen na actividade en 2026. As bases reguladoras mantéñense sen cambios con respecto a anos anteriores.
A partida orzamentaria destinada a este Plan mantense case idéntica ao ano pasado, isto é, 9.750.000 euros, o que na práctica estimamos deixará fóra das axudas previsiblemente a moitos solicitantes que se presenten que non superen sobradamente os 65 anos, deixando á marxe os solicitantes con algún tipo de incapacidade permanente ou grande invalidez recoñecida, que son colectivos prioritarios. Recórdese que na convocatoria de 2025, con idéntica partida orzamentaria, 4 de cada 5 transportistas solicitantes quedaron fóra.
Requisitos dos beneficiarios
Os requisitos de acceso a estas axudas non variaron, podendo ser beneficiarios aqueles transportistas autónomos de mercadorías ou viaxeiros que cumpran os seguintes requisitos:
- Que leven máis de 10 anos exercendo a actividade, por tanto dados de alta neste réxime na Seguridade Social, de xeito ininterrompido, durante os últimos 10 anos. Permitirase, non obstante, unha única interrupción por período non superior a 3 meses.
- Cunha idade mínima de 63 anos, ou ben aqueles que, sexa cal sexa a súa idade, tiveran recoñecida á data de solicitude da axuda unha incapacidade permanente total, absoluta o grande invalidez, gozando ademais estes últimos de preferencia no outorgamento das axudas en caso de que o orzamento non chegue para todas as solicitudes presentadas.
- Ser titular de xeito ininterrompido durante os últimos 10 anos dun máximo de 3 autorizacións (copias) de transporte público debendo alomenos unha estar vixente no momento da solicitude. Permítese unha única interrupción por período non superior a 3 meses. En caso de incapacidade, a vixencia da autorización esixirase á data da declaración da incapacidade.
- Non ter desaproveitado outras axudas ao abandono en anos anteriores.
Contías da axuda
a) Pola autorización ou autorizacións de transporte público: 30.000 €.
b) Ademais, para solicitantes con idade inferior a 65 anos, adicionalmente 5.300 € por semestre completo ata cumprir os 65 anos.
Prazo e modo de tramitación de solicitudes
As solicitudes e tramitación de expedientes de abandono de actividade deberán efectuarse de forma telemática a través da sede electrónica do Ministerio de Transportes, e o prazo de presentación de solicitudes comezou o 13 de marzo e rematará o 13 de abril de 2026 (un mes en total desde a publicación no BOE).




