O incremento da capacidade de carga dos vehículos pesados de transporte de mercadorías ata as 44 Ton a partir de 23 de Outubro suporá unha suba nas contías a pagar polos transportistas autónomos que tributan no réxime de módulos de aproximadamente 2.000 €/ano

.
- Aqueles transportistas cuxos vehículos ou conxuntos de vehículos poidan tecnicamente acollerse a este aumento de tonelaxe e estean tributando en módulos deberán actualizar a súa tributación a esta maior capacidade de carga, ue suporá en cómputo anual un incremento duns 2.000 €, de manterse os importes actuais.
- Para o presente ano 2025 haberá que aplicar un prorrateo sobre o cálculo da suba anual na declaración trimestral que se realizará en Xaneiro de 2026.
Como xa se ten informado, conforme a nova Orde sobre pesos e dimensións publicada no BOE o 24 de xullo de 2025, o 23 de Outubro entrará en vigor o incremento da capacidade de carga en vehículos de transporte de mercadorías de 5 ou máis eixos ata as 44 Toneladas (ou inclusive a unha maior tonelaxe para o transporte intermodal ou o transporte de madeira en rolo), a excepción dos vehículos cisterna, cuxa entrada en vigor será aínda o 23 de Xaneiro de 2026.
Por tanto, aqueles transportistas cuxos vehículos ou conxuntos de vehículos poidan tecnicamente acollerse a este aumento de tonelaxe e estean tributando polo réxime de estimación obxectiva de módulos deberán actualizar a súa tributación a esta maior capacidade de carga. Agora ben, isto non afectará á declaración trimestral do presente mes de Outubro, xa que a Orde de pesos e dimensións entra en vigor despois do 20 de Outubro, pero si deberá ser aplicada nas declaracións trimestrais de IVE e I.R.P.F. do cuarto trimestre de 2025 que se presentarán en Xaneiro de 2026, facendo o prorrateo respecto do período deste ano 2025 en que está autorizado para transportar 44 toneladas.
Así pois, conforme o importe actual dos módulos, os vehículos cuxa ficha técnica permita cargar ata 44 Ton, para unha anualidade completa deberán subir o módulo nos seguintes importes:
- Do I.V.E.: 388,55 €/Ton x 4 Ton = 1.554.20 €/ano (anualidade completa)
- No I.R.P.F.: 126,21 €/Ton x 4 Ton = 504,84 €/ano (anualidade completa)
Como se dicía, para o presente ano 2025 haberá que prorratear as cantidades indicadas para os días que restan de 2025 desde o 23 de Outubro ata 31 de Decembro, sobre os 365 días do ano natural.
Escenario de módulos para 2026
En relación ao mantemento do límite de facturación para continuar acollido ao réxime de módulos e se este réxime se vai manter en 2026, a día de hoxe o Ministerio de Facenda non confirmou se para 2026 se prorrogará ou non, pero o escenario actual que padece o Goberno central de falta de estabilidade parlamentaria que, entre outras cuestións, impediu tramitar este ano un novo réxime fiscal para os autónomos tal como se comprometera e así cumprir coa Directiva europea que o recolle, fai probable que finalmente acabe aprobando unha nova prórroga para o vindeiro ano, cuestión esta que loxicamente se informará cando se produza.
Ingresos que non computan no límite de facturación para acollerse a módulos
Non computan no límite de facturación para acollerse ou seguir acollido no vindeiro ano nos módulos (en caso de se manter este réxime en 2026):
- as subvencións que tivera recibido a persoa autónoma, como por exemplo Kit Digital, Cheque Moderniza e outras, sen prexuízo de que deban ser declaradas tributariamente;
- nin tampouco computan indemnizacións, como por exemplo o cobro de paralizacións.
Isto é así conforme a vixente Orde ministerial reguladora do réxime de módulos, que literalmente establece o seguinte: “no volume de ingresos incluirase a totalidade dos obtidos no conxunto das mencionadas actividades, non computándose entre estes as subvencións correntes ou de capital, nin as indemnizacións”.




