Con escasamente un ano de vida, Vieiros consegue entrar no Comité Galego de Transporte cun 10% de representación no Departamento de Mercadorías

A Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia publicou no DOG do pasado 30 de outubro de 2025 a Resolución pola que se aproba a revisión da composición e dos votos dos departamentos de transporte de viaxeiros e mercadorías que integran o Comité Galego de Transporte por Estrada.
Polo que respecta especificamente ao departamento de mercadorías, a Federación Unitaria de Transportistas promovida por VIEIROS, na que se integrou a Asociación de Distribuidores de Gases Licuados do Petróleo (Fed GLP), alcanzou unha representación do 10% ao acreditar:
- Na sección de transporte público de mercadorías en vehículos pesados e lixeiros (MDLE/MDLE): 273 empresas e 1.517 vehículos.
- Na selección de actividades auxiliares e complementarias do transporte: 49 empresas.
Desde VIEIROS valórase como moi exitoso este proceso de renovación do Comité Galego de Transporte, xa que con menos dun ano de vida da asociación conseguiuse entrar a formar parte do organismo consultivo da Xunta de Galicia en materia de transporte, cun 10% dos votos no departamento de mercadorías, feito este que demostra que as pemes e autónomos galegos do sector, non só están a percibir con bos ollos as propostas que formula VIEIROS en prol dos seus intereses e necesidades profesionais, senón tamén incorporándose como asociados á nosa nova asociación.
Ábrese por tanto un período de catro anos en que VIEIROS tratará de aproveitar a súa entrada no Comité Galego de Transporte para darlle un impulso a este organismo, cuxa actividade nos últimos anos vén sendo moi deficitaria ata o punto de converterse practicamente en irrelevante ou inútil, para en beneficio do sector xogar o papel que legalmente ten asignado, isto é, ser o organismo consultivo da Xunta de Galicia en materia de transporte. Neste sentido, nun escenario sen maioría absoluta de ningunha federación, VIEIROS aposta polo diálogo sensato e construtivo entre todas as federacións que van formar parte deste Comité co fin de chegar a acordos e consensos amplos en prol do sector.





