Vieiros denuncia ante a Comisión Europea as desproporcionadas sancións que Portugal está a impor aos transportistas galegos por infraccións na normativa de tempos de condución e descanso de excesos de escasos minutos

.
- Excesos na condución ininterrompida de escasamente 5 minutos están a ser sancionados nos controis en estrada da GNR con multas desproporcionadas de 2.100 euros, para a continuación os tribunais lusos desestimar os recursos presentados ás mesmas impoñendo inclusive custas.
- Sancionar estritamente por excesos ou minoracións residuais na normativa de tempos de condución e descanso, lonxe de velar pola seguridade viaria, ten o efecto xustamente contrario porque, por moito que a empresa transportista organice o traballo dos seus condutores, os vehículos pesados en moitas situacións non poden ser estacionados onde se programa e non é doado ás veces atopar un emprazamento axeitado sen risco para a seguridade viaria.
Os servizos xurídicos de VIEIROS ten presentado ante os tribunais portugueses varias impugnacións xudiciais de sancións impostas nos últimos meses a transportistas galegos que por excesos na condución ininterrompida de escasos minutos lles son impostas multas de 2.100 euros, cando pola contra en España non son incoados expedientes sancionadores por excesos tan residuais e, ademais, por excesos de ata 30 minutos na condución ininterrompida a sanción que se impón é de 100 euros.
VIEIROS denuncia publicamente a desproporcionada e irracional a rixidez coa que a Administración lusa interpreta o Regulamento europeo 561/2006 que establece a regulación de tempos de condución e descanso, xa que por moito que a empresa transportista organice a xornada de trabaloo, a ruta e os descansos dos seus condutores, en moitas ocasións resulta fisicamente imposible para o condutor cumprir estritamente coa pausa obrigatoria tras máximo 4 horas e 30 minutos de condución ininterrompida, por estar circulando por autovías ou autoestradas onde non existen lugares de parada axeitados ou seguros para vehículos pesados ou por estar estes completos, ou ben porque en moitos casos tampouco é doado atopar áreas ou espazos para estacionar os vehículos para facer a pausa.
Unha interpretación tan estrita das autoridades portuguesas, lonxe de cumprir co principio reitor do Regulamento europeo de velar pola seguridade viaria, obriga aos condutores a teren que deter en moitas ocasións un vehículo pesado de grande tonelaxe en áreas non adecuadas.
Ante este escenario, desde VIEIROS recoméndase aos transportistas galegas que circulan por Portugal que non axusten a pausa obrigatoria ás 4 horas e 30 minutos, senón que a programen con certa marxe para así evitar estas situacións.
Vieiros eleva queixa á Comisión Europea
VIEIROS considera inadmisible que a Administración portuguesa e os tribunais lusos convirtan un mecanismo deseñado para protexer a seguridade laboral e viaria nunha ferramenta de recadación automática desprovista de sentido común. Os desvíos temporais mínimos causados polo tráfico ou a procura dunha área de servizo segura non poden equipararse cunha desconsideración consciente da lexislación. Por todo isto, VIEIROS elevou de xeito formal unha queixa ante as instancias competentes da Comisión Europea para esixir que se free de inmediato este abuso e se obrigue a Portugal a aplicar criterios de razonabilidade nas inspeccións de transporte por estrada.



