O tacógrafo intelixente de segunda xeración será obrigatorio a partir de 1 de xullo en furgóns de MMA superior a 2,5 T en operacións de transporte internacional

.
- Os furgóns que endexamais atravesen a fronteira non están obrigados a montalo.
- Os condutores profesionais con só permiso B poden solicitar as súas tarxetas de tacógrafo xa desde finais de marzo deste ano.
- Tristemente, as empresas transportistas afectadas por este norma adoecen de axudas públicas para mitigar o impacto económico que supón este investimento, malia termos solicitado reiteradamente desde Vieiros ás distintas Administracións a súa implementación.
O Paquete da Mobilidade aprobado en 2020 co obxecto de regula o transporte por estrada en Europa vivirá en poucos días un dos seus fitos máis importantes: a introdución do tacógrafo en furgóns de masa máxima inferior a 3,5 toneladas. Así, en toda a Unión Europea, todos aqueles vehículos comerciais lixeiros de masa máxima superior a 2.500 kg que realicen operacións de transporte internacional de mercadorías por estrada ou de cabotaxe, en servizo público, deberán contar co tacógrafo intelixente de segunda xeración a partir deste próximo 1 de xullo.
Con esta ampliación, a Unión Europea pretende harmonizar as condicións de competencia, mellorar a seguridade viaria e garantir un maior control da actividade profesional incorporando o mesmo sistema de vixilancia para furgónas e vehículos comerciais lixeiros que para os vehículos pesados.
Consecuencias e derivadas
Este é un cambio significativo que estende ao transporte en furgón as obrigas que antes se aplicaban exclusivamente aos vehículos pesados, integrando estes vehículos no mesmo marco regulatorio en canto aos tempos de condución, os períodos de descanso e a vixilancia da actividade. Neste sentido, é necesario esclarecer as seguintes cuestións:
- A aqueles furgóns que endexamais crucen a fronteira doutro estado membro non se lles esixe a instalación do tacógrafo. Agora ben, deberán montalo para realizar aínda que sexa unha soa operación de transporte internacional que loxicamente supoña atravesar unha fronteira.
- Non será válida a instalación no furgón de calquera tipo de versión do tacógrafo dixital, senón que deberá montarse o intelixente de segunda xeración GEN2v2.
- Unha vez se instale o tacógrafo no furgón, o condutor deberá introducir a súa tarxeta de condutor sempre, agora ben, nos servizos de transporte nacional exentos de control tacográfico deberán ter activada a opción OUT do tacógrafo.
- En todo caso, cando se dispoña a facer un transporte internacional, deberá desactivar OUT desde o inicio do transporte, é dicir, desde antes de atravesar a fronteira.
- No caso de dirixirse sen carga a outro país para cargar un porte internacional con orixe ese outro país e destino un terceiro, deberá tamén desactivar a opción OUT desde o momento en que se dixira a cargar (non no momento de atravesar a fronteira).
- Por suposto, son de aplicación para os condutores de furgóns sometidos a control tacográfico as mesmas obrigas que os condutores de pesado: utilización do selector de actividades, entradas adicionais, etc.
- Por último, os condutores con exclusivamente o permiso B poden solicitar a súa tarxeta de tacógrafo logo da publicación da Orde Ministerial TRM/282/2026, de 25 de marzo, publicado no BOE de 28 de marzo de 2026.
A Administración suspende na implementación de axudas ao transporte lixeiro
Malia termos solicitado reiteradamente tanto a Ministerio de Transportes como á Xunta a aprobación dun paquete de axudas específico para as empresas titulares de furgóns obrigadas a montar o tacógrafo GEN2v2, a diferenza das empresas de pesado, estas quedaranse de momento sen ningún tipo de axuda tanto para a instalación do propio aparato (cuxo custo é superior aos vehículos pesados) como para a indispensable formación dos condutores que a partir de 1 de xullo terán que manexalo, carentes da mínima formación na materia na medida en que só son titulares do permiso B.





