O Comité Galego de Transporte manifesta o seu malestar polo abandono da Xunta ao sector no Plan de axudas aos sectores máis afectados polo conflito de Oriente Medio e esixe unha rectificación urxente, incluíndo medidas de apoio ás pemes e autónomos transportistas, complementarias coas que poida aporbar o Goberno central

–
- A totalidade das organizacións representativas do sector mostran o seu malestar e perplexidade ao non entenden que o Goberno galego diga publicamente que mantivo reunións cos sectores máis afectados para coñecer o impacto do incremento dos custos enerxéticos e non teña escoitado ao Comité Galego de Transporte (órgano consultivo e de representación do sector).
- Así mesmo, o Comité esixe á Xunta unha rectificación inmediata, que pasa por convocar de forma urxente a este Comité, co fin de incluír actuacións específicas para o sector.
O Comité Galego de Transporte vén de facer público o comunicado que se acompaña máis abaixo, asinado unanimemente por todas as federacións e asociacións de transportistas que o compoñen, para mostrar a súa preocupación por canto para o Goberno galego, en particular para o Sr. Conselleiro de Facenda e Administración Pública, as empresas de transporte de mercadorías por estrada non parecen estar afectadas polas consecuencias da guerra en Irán. Non se pode entender que o Goberno galego diga publicamente que mantivo reunións cos sectores máis afectados para coñecer o impacto do incremento dos custos enerxéticos e non teña escoitado a este Comité, na súa condición de órgano consultivo e de representación do sector ante a Xunta de Galicia.
Neste sentido, o Comité Galego de Transporte aproveita para recordarlle ao Goberno galego que o transporte de mercadorías por estrada de Galicia na actualidade conta con máis de 6.600 pemes e autónomos que suman unha frota de aproximadamente de 27.000 vehículos, e teñen un impacto do PIB galego superior ao 5%, para as cales o gasóleo hoxe representa preto dun 40% dos custos totais de explotación, de modo que a suba experimentada neste último mes polo carburante supón un sobrecuso duns 2.400 € por camión. Como é posible, logo, que para a Xunta o transporte de mercadorías por estrada non teña a condición de sector especialmente afectados polas consecuencias da guerra en Oriente Medio?
O Comité esixe unha rectificación inmediata á Xunta
En consecuencia, o Comité Galego de Transporte esixe unha rectificación inmediata do Goberno da Xunta, que pasa por convocar de forma urxente ao sector representado polo Comité, co fin de incluír actuacións específicas para o sector no Plan de medidas de axuda aos sectores máis afectados pola guerra en Oriente Medio, que sexan complementarias ás que desenvolva o Goberno Central.
Como é posible que a Xunta anuncie dentro do referido Plan partidas específicas para os sectores pesqueiro e agrario, destinando especificamente para estes 25,5M€ e 19,4 M€ respectivamente, e pola contra para o transporte de mercadorías 0 €?





