Como xa é costume desde hai varios anos, 2026 tamén comeza cunha suba nas peaxes da AP-9 e da AP-53 por riba do IPC real: un 4,68% e un 3,64%, respectivamente
- O Ministerio de Transportes fixo públicos no Fin de Ano os incrementos nas tarifas da AP-9 e da AP-53 para 2026, fixados nun 4,68% e nun 3,64% respectivamente.
- Por outra banda, mantense en 2026 a bonificación do 50% a vehículos pesados.

O Ministerio de Transportes esperou ata a última semana do ano, como é costume, para comunicar que Audasa se beneficiará da maior suba das peaxes de titularidade estatal. Así, desde onte 1 de xaneiro o incremento das tarifas é do 4,68% de media respecto de 2025. Agora ben, en varios treitos alcanza o 7 % tras aplicar o redondeo de prezos.
Hai que recordar que esta diferenza básase no 1% de canon anual que Audasa pode aplicar desde 2018 en virtude das obras de ampliación efectuadas na pasada década na ponte de Rande e a circunvalación de Santiago, incluídas na prórroga da concesión acordada polo Goberno de Aznar con Audasa ata 2048, e que permitiría a esta concesionaria incrementar esta 1% anual sobre o IPC ata o vencemento da prórroga, a non ser que finalmente os tribunais confirmen o posicionamento recente da Comisión Europea e declaren ilegal esta prórroga da concesión.
No resto de autoestradas de peaxes que xestiona a Sociedad Estatal de Infraestructuras de Transporte Terrestre (SEITT) o incremento será do 3,64%. Este é o caso da AP-53 que une Santiago de Compostela co Alto de Santo Domingo (Dozón), cuxa concesión vence en 2074.
Polo que respecta ás autoestradas de titularidade autonómica (AG-55 A Coruña-Carballo e AG-57 Puxeiros-Val Miñor), a Xunta acordou asumir directamente das súas arcas o custo dos 6,8 millóns de euros que supón o IPC e por tanto en 2026 continuarán co mesmo prezo.
Mantéñense as bonificacións.
As bonificacións para o transporte pesado mantéñense no 2026 no 50% na autoestradas de titularidade estatal AP-9 e AP-53 en 2026, e parcialmente na volta no 25 e 50% nas autoestradas autonómicas AG-55 e AG-57, que tamén teñen un 50% de desconto por nocturnidade.
A continuación móstrase a táboa completa de descontos e bonificacións:






