Os transportistas interesados en subir ata as 44 Ton deberán solicitar por escrito na estación ITV as anotacións necesarias na ficha técnica do seu vehículo, cando vaian realizar a 1ª revisión periódica após 23 Outubro

- SyC-ITV puxo en marcha un procedemento común en todas as súas estaciós e entrega un modelo de impreso que o transportista debe cubrir e asinar na estación ITV ao realizar a primeira revisión logo do 23 de outubro, solicitando as anotacións necesarias na ficha do vehículo (tractora, camíón ríxido, semirremolque ou remolque) para poder incrementar a súa capacidade de carga ou arrastre.
- Para evitar esperas ou discusións na estación, recoméndase a aqueles que vaian pasar ITV nos próximos días que nos remitan previamente a ficha técnica do vehículo e xa lles facilitamos o formulario que require SyC-ITV cuberto.
- Desde SyC-ITV tamén nos confirman que é criterio común para todas as estacións ITV do Estado facer as anotacións necesarias na ficha técnica do vehículo a motor ou remolque/semirremolque UNICAMENTE na 1ª revisión periódica en ITV após 23 Outubro, e que en caso de non facelo nesa 1ª revisión deberá volver pasar novamente por ITV, pero achegando certificado do fabricante.

Este xoves 13 de novembro Vieiros mantivo unha reunión cos responsables do Departamento Técnico de Supervisión y Control S.A. (SyC-ITV), empresa concesionaria da ITV en Galicia, solicitada pola nosa asociación a SyC-ITV para coñecer os procedementos postos en marcha por esta empresa nas estacións ITV de Galicia para o escenario actual de incrementar a capacidade de carga ou arrastre dos vehículos conforme a Orde PJC/780/2025, entrada en vigor o pasado 23 de outubro, e esclarecer dúbidas e problemáticas específicas detectadas por Vieiros en moitas fichas técnicas.
Así, desde Vieiros solicitouse a aplicación dun criterio máis flexible frente á interpretación tan estrita que as ITV están a facer da Orde PJC/780/2025, de 21 de xullo, que modificou o Rgto. Xeral de Vehículos para permitir desde o pasado 23 de outubro subir a tonelaxe en conxuntos de 5 ou máis eixos, de xeito que aquel transportista que, na primeira revisiòn periódica en ITV tras a 23 de outubro, non faga correctamente as anotacións necesarias na ficha técnica da tractora ou do semirremolque, con posterioridade só poderá modificar a ficha técnica para ampliar en ITV a capacidade de carga achegando informe técnico do fabricante dese elemento, conforme o Manual de Reformas de Vehículos. Neste sentido, os responsables técnicos de SyC-ITV confirmáronnos que se trata dun criterio común para todas as estacións ITV do Estado e que só rectificarán se desde o Ministerio de Industria lles transmiten outra instrución, polo cal desde Vieiros xa se deu traslado desta demanda á nosa federación Fenadismer para solicitar a Industria esa rectificación.
Por outra banda, acordouse na reunión abrir unha canle de comunicación permanente de Vieiros co Dpto. Técnico de SyC-ITV para esclarecer e resolver todas as dúbidas específicas e mesmo erros que están saíndo a luz coa lectura e análise das fichas técnicas dos vehículos que nos vaian chegando dos nosos transportistas, xa sexan camións ríxidos, tractoras, remolques ou semirremolques, no proceso de verificación das opcións en cada caso de subir os pesos. Neste sentido, desde Vieiros elevaranse a SyC-ITV todas as cuestións que se vexan procedentes, co obxecto de ser resoltas antes do paso do vehículo por ITV, evitando así na estación esperas, discusións, etc.
Procedemento común nas estación ITV de Galicia
SyC-ITV confirmounos a posta en marcha nas súas estacións ITV en Galicia dun procedemento común harmonizado para dar resposta ás solicitudes que por parte dos transportistas lles cheguen de anotación nas fichas técnicas dos vehículos co obxecto de subir a súa capacidade de carga ou arrastre conforme a disposición transitoria recollida na referida Orde PJC/780/2025.
O máis relevante é que SyC-ITV está a entregar nas estacións un modelo de impreso aos transportistas que pasan a primeira revisión periódica logo de 23 de outubro e lles solicitan subir os pesos, que estes deberán encher cos seus datos, seleccionar as anotacións necesarias na ficha do vehículo (xa sexa unha tractora, camíón ríxido, semirremolque ou remolque) que desexan que lles fagan e asinar.
Neste sentido, para evitar esperas ou discusións nas estacións, desde Vieiros recoméndase a aqueles que vaian pasar ITV nos próximos días que nos remitan previamente a ficha técnica do vehículo e xa lles facilitamos o formulario que require SyC-ITV debidamente cuberto.





