O Ministerio introduce a modalidade da aula virtual para os cursos CAP de cualificación inicial, permitirá a recuperación das faltas de asistencia por causas xustificadas e suprime o control biométrico

.
- O Ministerio de Transportes permitirá a impartición da formación inicial do CAP a través de aula virtual nun 66% das horas, abre a porta á recuperación das horas de falta de asistencia cando se acrediten por causas xustificadas e elimina o control biométrico nos cursos CAP, que volverán ser controlados exclusivamente co parte de sinaturas.
- Estas novidades entrarán en vigor o 18 de setembro do presente ano.
Novas exencións do CAP
Introdúcense 2 novas exencións nas cales non se esixirá un Certificado de Aptitude Profesional de condutor para conducir vehículos utilizados para:
- realizar transporte privado complementario como parte dunha actividade de distribución de mercadorías, sempre que a condución do vehículo non sexa a actividade principal do condutor (considerarase que a condución non é a actividade principal do condutor cando represente menos do 30 % do seu traballo mensual) e a distancia non supere os 100 km arredor do centro de explotación da empresa;
- realizar transporte privado complementario como parte dunha actividade de venda ambulante, sempre que a condución do vehículo non sexa a actividade principal do condutor (considerarase que a condución non é a actividade principal do condutor cando represente menos do 30 % do seu traballo mensual).
Aula Virtual no CAP Inicial
O Ministerio dediciu regular a posibilidade de impartir parcialmente os cursos de formación inicial do CAP de forma virtual. Así, nos cursos da modalidade acelerada de 140 horas poderanse impartir en aula virtual 92 horas da parte teórica, e nos cursos da modalidade ordinaria de 280 horas poderanse impartir en aula virtual 166 horas.
Non obstante, o Real Decreto non permite que o curso de renovación do CAP se imparta tamén virtualmente, malia ser solicitado ao Ministerio por moitas organizacións, incluída Vieiros e Fenadismer.
Así mesmo, detállanse as características técnicas que deberán cumprir os sistemas tecnolóxicos de aula virtual dos centros para poder impartir validamente esta formación online.
Límite diario de horas de formación
Non poderán superarse as 8 horas diarias de formación nos cursos CAP.
Eliminación do control biométrico
O Ministerio decidiu cancelar o uso do control biométrico para o seguimento e control da asistencia do alumnado aos cursos CAP -tanto inicial como continuo- e como substituto dos controis biométricos será suficiente con follas de sinatura ou outros procedementos que cumpran cos principios e regulamentos de protección de datos persoais co fin de facilitar o seguimento da asistencia aos cursos, xa sexan impartidos presencialmente nunha aula, a través dun sistema de aula virtual ou nun vehículo.
A asistencia verificarase ao comezo e ao final de cada xornada de formación, non nos descansos.
Faltas de asistencia e ausencias xustificadas
Se un alumno falta ao 5 % ou máis das horas do curso, independentemente de se son presenciais ou prácticas, por calquera motivo, deberá ser dado de baixa.
Excepcionalmente, se a ausencia se debe a motivos que, a xuízo da Administración, estean debidamente xustificados e documentados, esta poderá autorizar a recuperación das horas perdidas mediante os métodos que determine. A validación do curso estará condicionada a que o alumno acredite ter completado as horas perdidas noutro curso que inclúa o contido da materia perdida. Esta recuperación deberá ter lugar no mesmo centro de formación onde o estudante comezou o curso, agás que, por un motivo debidamente xustificado e coa autorización expresa previa da Administración, se autorice que se realice noutro centro.
Nos casos nos que a ausencia non alcance o 5 % das horas do curso, non será necesario recuperar as horas perdidas.





