A Asemblea de Vieiros analiza a situación actual do sector, as ameazas e retos inmediatos, e renova a súa Xunta Directiva que segue presidida por Silvia Chaves

- A Asemblea Xeral de Vieiros ve con preocupación a evolución do conflito en Oriente Medio que mantén o prezo do carburante elevado, máis aínda cando as axudas ao sector acordadas aínda non se comezaron a percibir e están a ser moitos os casos de empresas cargadoras que se negaron a actualizar as tarifas como é a súa obriga, incumprindo por tanto a lei en canto á indexación do gasóil.
- Participou na clausura o Secretario Xeral de Fenadismer, Juan José Gil, quen precisamente expuxo aos asistentes o proceso recente de negociación cos Ministerios implicados a raíz da crise do carburante, os acordos adoptados e os asuntos que aínda fican pendentes.
- A Asemblea renovou a súa Xunta Directiva da asociación, que mantén á roisense Silvia Chaves na presidencia, designa dous vicepresidentes e alcanza unha representación equilibrada nas catro provincias galegas e en todas as especialidades de transporte.
Este sábado 13 de xuño celebrouse en Urdilde a Asemblea Xeral de Vieiros, que se centrou en analizar a situación actual do sector do transporte, caracterizada pola alza no prezo do diésel desde o comezo do conflito en Oriente Medio a finais de febreiro do presente ano, vendo con máxima preocupación a falta de concreción en canto á desescalada do conflito que supoña unha baixada do prezo do diésel a curto prazo.

As axudas comprometidas fanse esperar
A esta situación, hai que sumar a preocupación e malestar crecente do sector por aínda non ser efectivo o abono das axudas comprometidas polo Goberno central de apoio aos transportistas por esta crise do combustible, e ao mesmo tempo, a negativa dunha relevante porcentaxe de empresas cargadoras a cumprir a lei en canto á aplicación obrigatoria da cláusula de revisión das tarifas de transporte conforme as flutuacións no prezo do diésel, obrigando aos seus transportistas a traballar nalgúns casos a perdas.
Neste sentido, a Asemblea contou coa presenza destacada do Secretario Xeral de Fenadismer, Juan José Gil, quen debullou aos presentes o proceso de negociación co Goberno central que tivo como resultado, ademais da aprobación do paquete de axudas económicas ao sector, a blindaxe legal da obrigatoriedade da cláusula de revisión das tarifas de transporte que protexe aos transportistas ante escenarios de flutuación do prezo do diésel. Así mesmo, Juan José Gil manifestou que se está a negociar co Goberno un novo Decreto-lei ante a previsión de que en xullo o combustible se manteña en prezos elevados, de xeito que se poidan estender as axudas comprometidas por un maior período.
Por outra banda, valorouse tamén negativamente as inexistentes medidas de apoio do goberno da Xunta de Galicia ao sector do transporte, en contraposición coas liñas de axuda si aprobadas específicamente para outros sector afectados como o agrario ou o pesqueiro, incluídas no Plan de axudas da Xunta aos sectores máis afectados polo conflito de Oriente Medio. Neste sentido, Vieiros solicitou á Xunta xunto coas restantes federacións de transportistas que formamos parte do Comité Galego de Transporte unha rectificación, pero tristemente aínda non tivemos noticias.

Ameazas e retos inmediatos
Noutra orde de asuntos, analizouse o crecente problema da escaseza condutores profesionais que está obrigando a moitos transportista a teren que recorrer á contratación de condutores procedentes de terceiros países para non caer no escenario de paralizar parte da súa frota. A este escenario súmase o pouco eficiente e áxil funcionamento das oficinas territoriais de Estranxeiría, que eternizan o proceso de entrada legal deste condutores, escenario este que Vieiros ten xa denunciado ante a Delegación de Goberno en Galicia, sen avance algún.
Por outra banda, os transportistas enfróntanse ao reto inmediato da dixitalización efectiva da documentación relativa aos transportes, coa entrada en vigor de xeito obrigatorio a partir do 5 de outubro do presente ano do documento electrónico do transporte (carta de porte electrónica), proceso este que vai supor un esforzo técnico e organizativo para as pemes e autónomos do sector, e neste escenario Vieiros procurará dar soporte aos seus transportistas asociados.

Vieiros consolídase logo de 2 anos da súa constitución e renova a Xunta Directiva
A Asemblea tamén serviu para evidenciar a consolidación da organización tras dous ano de vida logo da súa fundación en xuño de 2024, que tivo como fitos máis relevantes entrar a formar parte do órgano consultivo da Xunta de Galicia en materia de transportes (Comité Galego de Transportes), cunha representación dun 11% con escasamente un ano de vida da asociación, e tamén do Comité Executivo da nosa federación Fenadismer.
Así mesmo, renovouse a Xunta Directiva da asociación logo da Asemblea Constituínte en xuño de 2024, que mantén á transportista roisense Silvia Chaves na presidencia, designa dous vicepresidentes e mantén unha representación equilibrada nas catro provincias galegas e en todas as especialidades de transporte. A composición completa é a seguinte:
| SILVIA CHAVES FREIRE | Rois (A Coruña) |
| JOSÉ A. GONZÁLEZ ALONSO CARLOS LAYA VÍA | Tui (Pontevedra) Betanzos (A Coruña) |
| LUIS CARNOTA GONZÁLEZ IAGO EMILIO CASTRO CASTRO CAMILO GONZÁLEZ BERMÚDEZ PABLO HERVELLA ROJAS ROBERTO JORGE FUENTE GUSTAVO PIRIS PORTELA JOSÉ M. PREGO ABEIJÓN MANUEL NÚÑEZ GOYANES MARTÍN SUÁREZ SUÁREZ | Rois (A Coruña) Vigo (Pontevedra) Cangas (Pontevedra) Verín (Ourense) Chantada (Lugo) Redondela (Pontevedra) Noia (A Coruña) Sarria (Lugo) Ourense (Ourense) |
| ALBERTO VILA GONZALEZ | Vigo (Pontevedra) |





