Vieiros denunciará a Portugal ante a Comisión Europea por negar de forma ilegal a devolución do IVE das peaxes aos transportistas galegos

.
- A Administración Tributaria portuguesa esixe trabas burocráticas imposibles aos transportistas galegos para poderen recuperar o IVE soportado das facturas das peaxes portuguesas, solicitando facturas directas das concesionarias da autoestrada en lugar das emitidas polos provedores habituais de telepeaxe.
- A instancias dunha consulta, a Comisión Europea dá a razón ao sector e califica a práctica de Portugal de «desproporcionada» e «contraria a Dereito da UE».
Vieiros denuncia publicamente a estratexia de bloqueo que están a aplicar as autoridades fiscais portuguesas para negar sistematicamente a centos de transportistas galegos a devolución do IVE pagado nas peaxes das autoestradas portuguesas.
A Administración Tributaria lusa rexeita as solicitudes de devolución do IVE alegando que as empresas deben proporcionar facturas directas emitidas polas concesionarias das autoestradas, requisito este que ignora por completo a realidade operativa do sector, xa que a inmensa maioría dos transportistas xestionan os seus contratos de dispositivos de telepeaxe e pagamento a través das diversas empresas intermediarias que operan en toda Europa, non tendo relación xurídica algunha coas concesionarias.
A Comisión Europea dá a razón ao sector
En resposta a este atropelo da Administración portuguesa, que vulnera gravemente os dereitos económicos das empresas de transporte, deuse traslado dunha consulta vinculante á Comisión Europea a fin de avaliar a legalidade da práctica e a resposta da Comisión foi inequívoca no seu apoio aos transportistas, desmantelando efectivamente a postura fiscal das autoridades portuguesas.
A Comisión Europea reiterou que, aínda que a presentación de facturas é obrigatoria segundo a Directiva europea 2008/9/CE que regula o IVE intracomunitario, a esixencia dunha factura emitida polo concesionario é totalmente «desproporcionada» cando o solicitante xustifica a transacción utilizando documentos do provedor do servizo de telepeaxe. Neste sentido, o ditame europeo destaca dous principios fundamentais: en primeiro lugar, a imposibilidade xurídica de esixir a un transportista que achegue un documento emitido por un terceiro co que non teña ningunha relación contractual e cuxa prestación estea fóra do seu control; e en segundo lugar, que denegar a solicitude de IVE cando se dispoña dos documentos xustificativos e do xustificante de pagamento do operador da telepeaxe constitúe unha violación frontal dos principios de neutralidade do IVE e de proporcionalidade recoñecidos pola lexislación europea.
Denuncia ante as autoridades europeas
Para VIEIROS, a postura adoptada polas autoridades fiscais portuguesas supón unha manobra inxustificable de recadación de ingresos que afecta gravemente á liquidez das empresas de transporte galegas que operan habitualmente no país veciño, e que tamén nos resta competencia con respecto aos transportistas portugueses.
Os transportistas galegos xa achegan documentación fiscal válida que identifica claramente a transacción, o destinatario e o IVE realmente soportado, en cumprimento das directivas europeas de facturación.
En consecuencia, a VIEIROS iniciará a través da nosa federación FENADISMER un procedemento por infracción contra as autoridades fiscais portuguesas ante as institucións europeas, co fin reverter de inmediato esta afronta completamente ilegal aos nosos transportistas e garantir o recoñecemento da suficiencia probatoria dos documentos de peaxe electrónica emitidos polas empresas intermediarias.





