Os transportistas comezan a ser partidarios de paralizar a súa actividade logo de 15 días de vertixinoso ascenso do prezo do gasóleo por mor do conflito en Irán e a actitude de moitas cargadoras, reticentes a actualizar as tarifas de transporte conforme establece a Lei

.
- Así mesmo, medra a incerteza entre os transportistas pola falta de avance e concreción do Goberno nas medidas de apoio que ten pensado aprobar para axudar ao sector a minguar os duros efectos que xa se comezan a padecer derivados do acelerado incremento do prezo do combustible.
Tras xa 18 días de escalada do conflito bélico en Oriente Medio que está a xerar absoluta incerteza no mercado enerxético mundial, o sector estase aproximando ao peor dos escenarios pronosticados cando o 28 de febreiro comezaron os bombardeos en Irán: o prezo do gasóleo-A en estacións de servizo móvese preto dos 2 euros en litro, por tanto a suba experimentada por este combustible en pouco máis de 2 semanas supera o 30%, non se albisca punto de inflexión na curva de prezos faga pensar a curto prazo nun cambio de tendencia, e pola contra moitas empresas cargadoras de Galicia, varias delas de grande importancia pola súa dimensión, están sendo reticentes, cando non refractarias, a actualizar as tarifas polos servizos de transporte que contratan cos seus transportistas provedores malia a obriga legal que teñen de facelo ao abeiro da Lei 15/2009, de 11 de novembro de contrato de transporte de mercadorías.
É máis, xa temos detectado varios casos en que empresas cargadoras directamente están a manifestar que non poden subir os prezos ou que a suba vai ser “a que poidan a final de mes”, instando aos transportistas a seguir traballando “por responsabilidade” á espera de tempos mellores, e se non poden que procuren outros clientes, obviando que a lei lles obriga a actualizar as tarifas en máis dun 10% de suba por mor da severidade do incremento porcentual do prezo do carburante.
Dito o cal, tamén é certo que hai que recoñecer e valorar o comportamento dalgunhas outras cargadoras que si están sendo permeables á actualización de tarifas.
Polo tanto, VIEIROS quere recordar novamente aos profesionais do sector do transporte, ás empresas cargadoras e intermediarias de transporte e á sociedade en xeral, que desde 2022 existe unha cláusula legal de revisión dos prezos de transporte en función das flutuacións do prezo do combustible que é legalmente vinculante, é dicir, de aplicación obrigatoria para os dous actores no contrato de transporte -xa sexa verbal ou escrito-, é dicir, a cargador e porteador, sempre que a variación do prezo do gasóleo (tanto incremento como decremento) supere o 5% desde a data en que se contratou o porte ata a data en que efectivamente se presta o servizo.
Pero ademais, cun incremento acumulado no prezo do diésel en dúas semanas superior ao 30%, a actualización de tarifas conforme a cláusula de revisión non se trata simplemente dunha obriga legal á que non se poden negar as empresas cargadoras e axencias contratantes de servizos de transporte, senón tamén dunha necesidade para a supervivencia das pemes e autónomos transportistas neste escenario, porque moitos xa están preto do seu límite de resistencia se nos vindeiros días non son quen de esclarecer e concretar cos seus clientes a actualización de tarifas.
Así as cousas, VIEIROS quere alertar publicamente que a atmósfera do sector está a converterse en “explosiva”, xa que son cada vez máis os transportistas que abertamente manifestan que a situación é insoportable e que non lles queda outra saída máis que a paralización da actividade.
Pendentes das medidas do Goberno de apoio ao sector
Por outra banda, VIEIROS quere aproveitar para manifestar publicamente a súa preocupación pola falta de concreción do Goberno en canto ás medidas de apoio ao sector para axudar a minguar os duros efectos da crise do carburante.
De feito, o martes día 16 celebrouse reunión do Consello de Ministros e lamentablemente non saiu ningunha medida para dar unha mínima resposta á crítica situación que atravesa o sector, malias reiteradas demandas procedentes das organizacións de transportistas, que mesmo a semana pasada se reuniron en persoa cos ministros de Transporte e Economía, a quen trasladaron un paquete de propostas moi concreto:
- Bonificación mínima no combustible de 25 céntimos por litro.
- Axudas directas para as empresas de transporte de mercadorías en función do tipo de vehículo (mínimo de 1.500 € por tractora ou rígido e de 750 € por furgón).
- Incrementar en 10 puntos porcentuais o índice da cláusula de indexación do combustible para todas as tipoloxías de vehículos: no pesado pasar do 30% ao 40%, no intermedio entre 3,5 e 20 toneladas do 20% ao 30% e no furgón lixeiro de ata 3,5 toneladas do 10% ao 20%.
- Abrir unha Investigación das causas do pouco xustificable incremento de prezo do combustible nun marxe tan breve de tempo, sen gardar relación de ningún tipo coa flutuación do prezo do barril de crú, dando loxicamente traslado disto aos organismos controladores da competencia.
É evidente que se nos vindeiros días non se ven outras intencións polas empresas cargadoras e o Goberno non esclarece as medidas concretas a pór en marcha de xeito inmediato de apoio ao sector, a situación alcanzaría unha estación término e os profesionais do transporte non terían outra saída distinta a unha paralización obrigada da actividade, poñéndose en consecuencia en serio risco a cadea de suministro, escenario que ninguén desexa.





